Friday 17 de May de 2024

O Concello impulsa cursos gratuítos sobre xestións electrónicas, poda, saúde e animación sociocultural e turística


• Estas catro accións formativas levaranse a cabo do 13 ao 22 de xullo no Centro Cívico ‘A Garita’ en diferentes horarios.

• Hai 10 prazas dispoñibles para cada un e as inscricións deben formalizarse no Rexistro, a través do correo alejandra.alonso@corp.telegal.com ou nos teléfonos 981 404 101 e 981 397 013.

O Concello das Somozas continúa a aumentar a oferta formativa para os seus veciños e veciñas. Agora, ven de publicar catro cursos gratuítos para adquirir coñecementos sobre xestións electrónicas, poda, saúde e animación sociocultural e turística.

Estas accións formativas, que están dirixidas á poboación en xeral, levaranse a cabo do 13 ao 22 de xullo no Centro Cívico ‘A Garita’, en diferentes horarios. Hai 10 prazas dispoñibles para cada un e as inscricións poden formalizarse de xeito presencial no Rexistro, no correo electrónico alejandra.alonso@corp.telegal.com ou nos teléfonos 981 404 101 e 981 397 013.

O de trámites electrónicos levarase a cabo de 9:30 a 11:30 horas e o obxectivo é adquirir os coñecementos básicos para realizar trámites de forma electrónica coas diversas administracións, tendo en conta as medidas de seguridad que se deben tomar cando se realizan trámites por Internet. Por exemplo: renovar o DNI, citas co SERGAS, Catastro, trámites na Seguridade Social, Chave 365 ou o trámites co Concello.

O curso de iniciación á poda, que se levará a cabo de 19 a 21 horas, permitirá adquirir os fundamentos básicos das técnicas de poda segundo a tipoloxía da planta a podar, tendo en conta a prevención de riscos laborais.

No caso do de animación sociocultural e turística o que se pretende é adquirir ferramentas para desenvolver traballos neste ámbito a través de asociacións, institucións públicas ou empresas.

Por último, o curso relacionado coa saúde ‘Falemos de saúde: mellora a túa vida’ quere comunicar e orientar á poboación en xeral sobre as principais afeccións, amosando perspectivas de prevención e hábitos saudables.

O alcalde, Juan Alonso Tembrás, destaca “a importancia de ofrecer aos veciños e veciñas do municipio unha oferta formativa que responda ás súas necesidades e demandas, como é o caso”.